Labrado da miña mau fixen coa miña navalla un aradiño de pau. Leva timón e chavella e unha rella furadora feita cunha lata vella. Ten orelleira, rabela tan luída e rematada que me amola mirar pra ela. O meu arado e tan feito que pode incruso esfender labradíos a barbeito. Teño xa que darlle estreno ó meu arado arador, ó meu arado pequeno. E non sei ónde hei de ir buscar os bois que preciso, buscar os bois pra xunguir.
Cando penso que te fuches, negra sombra que m' asombras, ó pé dos meus cabezales tornas facéndome mofa. Cando maxino qu' es ida, no mesmo sol te m' amostras, i eres a estrela que brila, i eres o vento que zoa. Si cantan, es ti que cantas; si choran, es ti que choras; i es o marmurio do río, i es a noite i es a aurora. En todo estás e ti es todo pra min i en min mesma moras, nin m' abandonarás nunca, sombra que sempre m' asombras.